martes, 10 de marzo de 2009

Mouras e Mouros. lendas.


As mouras son fermosas mulleres de largos cabelos, de branca pe e bestidos sedosos que viven nas fontes e nos castros gardando tesouros. Encóntranse lavando e peiteando os seus cabelos a luz do sol. As veces aparécenselle aos mozos en forma de serpe e para desencantalas deben darlles un bico. Se así o fai, é recompensado con grandes tesouros. Se non o fan esta morderalle matándoo con seu veleno.

Mouros:hai quen di que son os antiguos pobladores de galicia. Son un pobo máxico, constructores de castelos e de castros que habitan baixo eles. Fan vida nocturna e teñen costumes coma os dos humanos. Tamén gardan tesouros, e tódalas suas ferramentas son de ouro. Soamente podenos ver aqueles que o desexen, a menudo teñen trato con humanos, os que lles piden favores a cambio de ouro pero sempre que sexa segredo, en caso contrario o ouro convírtese en carbón.


Lendas de mouras...

A Casa da Moura é un monumento megalítico situado no concello de Calvos de Randín (Ourense).
Cóntase que cando pasaba por alí un pobre (noutras versións dise que era unha nena) de mañá cedo para a feira do doce saíu un mouro (noutras versións dise que lle saíu unha moura) e preguntoulle:
—E logo, para onde vai?
—Voulle para a feira mercar uns porquiños.
—¿E ten moito diñeiro para os mercar?
—Ai, señor, eu diñeiro téñolle pouquiño.
—Ben, pois vas á feira e mercas dous porcos, dos mellores que haxa. E espérasme alí, ti e mailos que chos vendan. E despois vou eu e págollelos.
Pasou todo segundo dixo o mouro; e o mouro quedou cun porco e o home con outro. Entón, o mouro díxolle ao home:
—Mira, tráeme aquí todas as mañás cedo medio neto de leite (noutras versións dille que lle traia pan). Ti non chames por ninguén. Déixamo neste sitio que xa terás nel un peso todos os días. E así sempre. E ten tino de non dicir nada a ninguén, que estas cousas non se poden dicir.
E por moito tempo o home levou o leite e colleu os cartos.
Mais a súa muller (nas versións protagonizadas por unha nena é a nai a que intervén) sempre lle andaba dicindo:
—¿De onde che veñen os cartos? Porque antes non tiñamos case ningún e agora temos moitos. Ti tes que ter unha amiga que chos dá.
E o home contestáballe:
—Non, muller, non. Ti come e bebe, e a min déixame, que eu non teño amiga ningunha.
E ela volvía a porfiar:
—Pois ti tesmo que dicir, que de algún lado che veñen.
E tanto porfiou, e tanto fixo, que o home rematou por llo dicir.
Ao outro día de mañá foi co leite mais ao chegar ao sitio sinalado, en vez de cartos, atopou un corno cun letreiro que dicía:
“Falaches, corneaches”


No monte de Cabana, parroquia do concello de Palas de Rei (Lugo), onde chaman A Lavandeira, din que unha moura trouxo unha pena de máis de cinco toneladas na cabeza mentres fiaba nunha roca. Esa pena estaba enriba de dous chantos e por debaixo había como unha cova onde os nenos, de cando meu avó era pequeno, xogaban. Dende entón alí chámanlle a Casa dos Mouros.

A moura da Tapada do Almestro

Xa hai moito tempo que andaba un mozo co gando pola Tapada do Almestro, en Sober (Lugo), cando viu saír dun penedo unha rapaza de cabelo louro que se dirixía cara o regato para coller auga cunha ola posta na cabeza.
Cando regresaba coa auga, a moza aquela dixo unhas palabras que fixeron que a pena onde aparecera se abrise e logo se pechase por encanto. O mozo quedou prendado daquela beleza pero tivo que agardar moitos días ata que a volveu a ver.
Foi entón cando a moza lle dixo:
-Levo moito tempo enfeitizada porque rexeitei as proposicións dun mago. Velaí o meu destino: metida na cova e rodeada de tanto ouro que non collería en tres cestas grandes das uvas. Só me podería librar desta fada se houbese alguén que fixese o que eu lle pedise.
Entón, o mozo, xa prendado da moza moura, púxose á súa disposición. E díxolle a moura:
-Atende ben. Cando a lúa chea se poña enriba do Monte do Espiño eu voume aparecer transformada en serpe. Farei moito ruído, e canto máis faga, máis ouro virá comigo. Para desfacer o encanto tes que cuspirme na cabeza. Se o fas, quedarei desencantada, poderei casar contigo e seremos felices.
E cando a lúa chea se puxo enriba do Monte do Espiño, saíu a serpe do penedo pero o runxido era tan forte que o rapaz, en vez de facer o que prometera, colleu medo, fuxiu e deixou todo.
Parece que cara o rego do Bao se escoitan os laios dunha muller e cando hai lúa chea por enriba do Monte do Espiño séntese o ruído que debeu sentir aquel mozo que fuxiu por medo en vez de facer o que lle prometera á moura.

A moura de Lombao

En Lombao, entre Alvite e Muradás, parroquia de Santa Mª de Beariz, concello de Beariz (Ourense) presentouse unha moura cunha manta chea de ouro e púxoa a asolear. Achegouse unha rapaza que estaba coas ovellas por alí e díxolle á moura:
—Ai, que tesoiras mási bonitas tes!
—Se as queres —repuxo a moura— tes que ir á casa e traerme o mellor pano que teña a túa nai. Despois dareichas, pero ten moito coidado de non llo dicir a ninguén.
Pero a rapaza, claro, en canto chegou á casa, díxolle así á nai:
—Mamá, vin unha moura asoleando unha manta chea de ouro e ten unhas tesoiras moi bonitas. E díxome que mas daba se lle levaba o mellor pano de vostede.
—Pois lévallo, miña filla—díxolle a nai.
Cando chegou co pano cabo da moura, esta, enrabechada, quíxolle cortar a lingua e picarlle os ollos coas tesoiras por terlle contado á nai o trato que fixeran.
Afortunadamente para a nena, a moura non conseguíu facerlle dano e desapareceu.
No mesmo lugar, un home viu unha moura, seguramente a mesma que se lle apareceu á nena, cunha tenda chea de ouro. E díxolle o home:
—Ai, canto ouro tes!
—Se o queres —díxolle a moura ao home— tes que traerme un xerro de leite, un cacho de pan e un ovo pra baterme na testa. Ti non teñas medo aínda que me sintas bruar coma unha serpe, logo espallareime que estou cargada de ouro, e despois caso contigo.
E o home levou o que lle pediu a moura: o xerro de leite, o cacho de pan e o ovo, mais non tivo valor para escacharllo á moura na fronte.
O home colle medo e escapa. Disque se foi enterrar á Burata cabo dunha trabe de alcatrán.

A moura de Penabión

No castro de Vilaescura, Sober (Lugo) había unha moura, moi bonita, que andaba con moitos colares e moitos pendentes. Ademais, mentres coas mans fiaba cunha roca e un fuso, levaba unha pena moi grande na cabeza que é a que agora todos coñecen como o Penedo de Penabión.

A moura do Castelo de Meira

Contan os vellos que na noite de San Xoán no castelo de Meira (castelo que aínda conserva o nome malia que foi derrubado na II Guerra Irmandiña), en Meira de Arriba, concello de Moaña (Pontevedra), aparecíaselle unha moura a todo aquel que frecuentaba o lugar.
Esta moza moura, que se peiteaba cun peite de ouro, sacara a sollar os seus tesouros nunha gran saba. Ao campesiño que por alí pasara ofrecíallos sempre e cando voltase ao día seguinte e, vise o que vise, sentise o que sentise, non debía fuxir nin ter medo. Daquela, o tesouro sería seu.
O campesiño volvía ao día seguinte mais, ao achegarse, un gran penedo rolaba cara el poñéndoo no risco de esmagalo. Fuxía, entón, despavorido do lugar; da moza e do tesouro nunca máis soubo.
Existe outra versión na que cando o mozo se achega, a moza convértese nunha serpe que o ameaza polo que o mozo tamén foxe e perde a posibilidade de conseguir o tesouro.

A Poza da Moura

Conta a lenda que en Domaio, parroquia do concello de Moaña (Pontevedra) vivía un mouro moi rico que tiña unha filla de gran beleza. Esta moza víase ás agachadas na Poza da Moura cun campesiño da zona co que o pai lle prohibira mocear. A moura desoía as ordes do pai pero un día este sorprendeunos. O pai, furioso, deulle morte ao mozo, e a filla, desesperada de dolor, guindouse á Poza da Moura na que se afogou.
En lembranza do acontecido é polo que se lle chama a Poza da Moura e hai quen di que na noite da San Xoán a moza aparece peiteando os seus cabelos e que, ás veces, se lle escoita cantar

A Rocha da Moura

Contan os meus avós que nun lugar preto de onde viven hai unha rocha xigantesca, na beira do río, á cal lle chaman a “Rocha da Moura”.
Contan que os seus devanceiros cando ían co gando a pastar, vían sobre a rocha unha fermosa muller loira, que din que era moi parecida a unha serea.
Contan tamén que a muller peiteaba o seu longo cabelo loiro. Pero desaparecía cando te achegabas para falarlle.
Era un misterio para todos, pero tamén din os meus avós que se alguén ousaba quedar a durmir sobre a rocha pola noite podía quedar sen pelo.

Chourizos na mina dos mouros

En Covelas, Os Blancos (Ourense), hai unha mina dos mouros que vai desde Nocedo ata Valdarca. Unha vez entrou nela un home coa intención de facerse co ouro que dicían que tiñan alí gardado os mouros. Entrar, entrou, pero non daba saído; tiveron que ir os veciños por el.
O home dixo que non dera co ouro, pero que atopara chourizos e “de todo”.

Coto da Moura de Campolongo

O Coto da Moura está en Campolongo, San Salvador de Coruxo, concello de Vigo (Pontevedra) e existen alí gravuras con círculos, cazoletas e unha figura xadrezada.
Pasou que ía un mozo polo monte e viu unha muller moi bonita que se estaba peiteando.
—¿Que fas aquí? ¡Vente comigo!—díxolle o mozo.
—Non podo saír deste couto porque estou encantada—respondeulle a dama.
—¿E logo que teño que facer para romper o encanto?
—Pois eu —respondeu ela— voume meter no couto e vou saír en figura de serpe, e logo subirei por ti arriba. Se non dis “Deus” eu regresarei ao interior e volverei a saír en figura de muller e cun carro cheo de ouro. Despois xa me podo ir contigo.
O mozo asentiu e a moza entrou no couto. Cando saíu en figura de serpe comezou a subirlle ao rapaz polas pernas; mais, cando lle chegou ao peito, xa non aguantou e dixo:
—¡Ai, meu Deus!
Dixo isto e a serpe meteuse dentro do monte. Aos pouscos escoitouse un grande estampido e xa non se volveu a ver a moza moura.
Outros aseguran que a moura é rubia e que se deixa ver ás doce da noite peiteándose.
Tamén se ten visto naquel lugar polas noites a un home rezando cunha vela nunha man e un libro na outra.

Coto da Moura de Chaín

No Coto da Moura ou Coto do Corazón, en Chaín, Gondomar (Pontevedra) había un encanto. Quixeron desencantalo pero...

Cova dos mouros de Eimer

A Cova dos mouros de Eimer, en San Pedro Fiz de Rubián, Bóveda (Lugo) ten un quilómetro de longo, tres galerías, un pozo e das dúas entradas, unha está pechada.
Hai moitos anos soltaron un galo na entrada da cova e días despois escoitaron o seu quiquiriquí onde chaman Pacio do Río. É, xa que logo, consecuente pensar que a cova vai desde Eimer ata Pacio do Río.

Ana Manana:
É unha das mouras encantadas mais coñecidas e fermosas de galicia. Vive nalgún lugar do río Miño. Son moitos os homes que intentan desencantala pero sempre fracasan.

No hay comentarios: